Publicador de contidos

Publicador de contidos

Leiro rexistra a temperatura máis alta de Galicia, con 36,7 graos, nun mes que bate marcas

Leiro rexistra a temperatura máis alta de Galicia, con 36,7 graos, nun mes que bate marcas

Os termómetros pasaron este sábado dos 30 graos en practicamente toda Galicia

As temperaturas manteranse este domingo moi por riba dos valores normais

G24.gal 07/10/2023 20:47 Última actualización 07/10/2023 21:35

Récord de altas temperaturas para un mes de outubro... en Leiro, na provincia de Ourense, este sábado alcanzáronse os 36,7 graos, a máxima máis elevada de toda Galicia.

Os seus veciños aseguran que "as temperaturas son demasiado altas para o tempo en que estamos" e "isto tería que cambiar porque fai moita falta que chova".

As imaxes que nos deixaba esta calor abafante lembraban máis a un mes de agosto, que ao comezo do outono. Valores similares acadáronse en Ourense cidade, con 36 ou en Lourenzá, na provincia de Lugo con 35,6.  Rexistros insólitos a estas alturas do mes de outubro. 

As temperaturas manteranse tamén este domingo moi por riba dos valores normais para estas datas, cos termómetros superando os 30 graos. Segundo a previsión de Meteogalicia, en Leiro a máxima de mañá será de 34 graos. 

Outubro histórico

Segundo os valores extremos absolutos que manexa a Axencia Estatal de Meteoroloxía, nunca nun mes de outubro fixera tanta calor. Ata agora o récord fora no 2017 con 34.9 graos, xa se superou o pasado domingo e de novo este sábado outra nova marca.

O anticiclón e a masa de aire cálido deixa temperaturas moi altas polo día e tamén polas noites. Un outono atípico o que comezamos hai dúas semanas.

A cidade da Coruña

A Coruña viviu o día de outubro máis abafante desde que hai rexistros. A estación da Axencia Estatal de Meteoroloxía mediu unha máxima de 33,3 graos, un dato que se alcanzou contra as tres da tarde, despois dunha mañá de temperaturas á alza. Son case dous graos máis con respecto á marca anterior, rexistrada hai xa doce anos, en 2011. Esta intensa calor traduciuse en imaxes de praias cheas e baños refrescantes no mar.

A Mariña en Lugo

A Mariña luguesa tamén tivo o seu propio forno: Lourenzá, onde ás 5 da tarde alcanzábanse 35,6 graos, a segunda máxima de Galicia. Malia que os 35 graos de Lourenzá non se alcanzaron en máis concellos da Mariña, practicamente toda a comarca superou os trinta graos, mesmo no litoral. Ás cinco da tarde, con 31 graos, facía máis calor na praia de Covas ca moitos días do verán.

Rías Baixas

Coa praia de Samil ateigada e temperaturas que chegaron a superar os trinta graos en boa parte do litoral das Rías Baixas, só o calendario parece poder constatar que levamos andadas dúas semanas de outono. En Sanxenxo a imaxe dos areais este sábado é a dun día de agosto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade