O concerto de Guns N'Roses en Vigo segue adiante, polo momento
A venda de entradas continúa
Os organizadores manteñen a previsión de empezar coa montaxe o luns
O que fai que o concerto de Guns N'Roses en Vigo penda dun fío son case dous millóns de euros. Son os cartos que as promotoras do evento tiñan previsto ingresar á conta do contrato de patrocinio.
Pero un erro na documentación fixo que a mesa de contratación municipal declarara deserto ese concurso e polo tanto os organizadores quedaron sen os cartos.
Axiña saltaron as alarmas polas perdas que podería ocasionar unha posible cancelación do evento para o que xa hai vendidas 25.000 entradas.
A tal hora semella que o concerto da banda estadounidense vaise celebrar o 12 de xuño como estaba previsto. O que o indica é que as entradas continúan á venda e os organizadores manteñen a previsión de empezar este luns a montaxe do escenario no estadio de Balaídos.