Publicador de contidos

Publicador de contidos

"O risco non se percibiu e non se mitigou", di o exdirector de seguridade da ERA

"O risco non se percibiu e non se mitigou", di o exdirector de seguridade da ERA

Christopher Carr asegura que o sistema de control de velocidade ERTMS "sería unha boa forma de mitigar este risco"

Na súa declaración, critica a investigación que se fixo do accidente por parte da CIAF "por non chegar á causa real" e só quedar co erro humano. "Que o maquinista non controlou a velocidade sabémolo todos", afirmou

Familiares das vítimas apupan aos avogados do Adif e Renfe

G24.gal 30/11/2022 17:59 Última actualización 01/12/2022 20:42

O exdirector de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea (ERA polas súas siglas en inglés) Christopher Carr subliñou no xuízo polo accidente do tren Alvia que o risco de descarrilamento na curva de Angrois "non se percibiu e non se mitigou".  

Na súa declaración, a proposta do avogado da plataforma de vítimas do sinistro ferroviario, Carr, na actualidade responsable do departamento executivo da ERA, ratificou que, segundo as normas comunitarias, o Adif e Renfe debían avaliar o risco da curva da Grandeira.  

Cuestionado en concreto sobre se debían analizar o risco da curva e a velocidade de servizo, respondeu que "si, había que telo en conta" debido a que estes elementos entrañan "un risco de descarrilamento".

O ERTMS para mitigar o risco

Respecto diso, referiuse á proposta orixinal para a liña, a que cubría a curva co sistema de control de velocidade ERTMS, e opinou que esa "sería unha boa forma de mitigar este risco", xa que "se por calquera motivo o condutor non reaccionase o sistema interviría". 

Neste sentido, precisou que no proxecto orixinal "identificouse o risco e hai que identificar se está nun nivel aceptado na primeira avaliación que se fai e poñer as medidas necesarias para mitigalo".

Isto, constatou, "pódese facer de diferentes maneiras". "Ao principio propúxose o ERTMS" e na súa opinión "esta medida reducira por completo o risco".

"Neste caso tiñamos un risco catastrófico pero podíanse tomar polo menos tres medidas que non requirían enormes esforzos", expuxo, en referencia ao ERTMS en todo o trazado, como prevía o proxecto orixinal, programar unha velocidade de saída co ERTMS, no proxecto modificado, ou un sistema de control "puntual" con balizas ASFA, que foi "o que se fixo despois" do accidente.  

Noutro momento, criticou que a comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) fixese referencia a descarrilamentos anteriores e dixese que "non era o mesmo" porque "non había unha curva", como en Angrois.  

"Cando ocorre algo como o que ocorreu, unha situación en que non se controla a velocidade, igual si hai que telo en conta", reprendeu, antes de reiterar que "hai que ter sempre unha protección adicional" ao maquinista.  

"Hai que chegar á causa real do accidente"

Precisamente sobre a investigación das causas, referiuse na última parte do interrogatorio do letrado da plataforma, ao que o ex-xefe de seguridade da ERA respondeu que houbo "unha serie de fallos no sistema".  

Desde o seu punto de vista, "hai que chegar á causa real do accidente", o que entende que non fixo a CIAF, que unicamente sinala o "erro humano" do maquinista. "Que o maquinista non controlou a velocidade sabémolo todos", dixo.

Pero o que "hai que saber", avisou, é como é posible que haxa "unha curva, unha liña de alta velocidade, e que o maquinista sexa o único sistema" de protección. "Estas causas fundamentais son as que teñen que ser avaliadas e na miña opinión non se avalían" no informe oficial do Estado español.

A investigación non era independente

Nese punto foi contundente ao reafirmarse sobre a falta de independencia da investigación da CIAF que manifestara no que informe que elaborara para a ERA. "A CIAF é organismo nacional de investigación oficial, é a que ten que facelo e publicalo. A estrutura do equipo de investigación é a que non cumpría requisitos independencia e polo tanto tampouco o informe. Non creo que ninguén máis poida emitir ese informe, é este organismo, pero ten que ser independente e neste caos non o era", concluíu.

Concentración das vítimas

Coincidindo coa participación de Carr no xuízo, a plataforma de vítimas do sinistro convocou unha concentración na Cidade da Cultura, sede temporal do xulgado do penal número 2 de Santiago.

O seu portavoz Jesús Domínguez sinalou que a declaración de Carr é "súper importante" debido a que "por fin vén ao xuízo alguén verdadeiramente independente".

Segundo expresou, ata o de agora acudiron como testemuñas ao xuízo "xente moi aleccionada, tanto das UTE, como do Adif, que evidentemente veñen preparados".

"A Axencia Ferroviaria Europea fixo un demoledor informe en que sinalaba que o maquinista non era o único responsable e que había causas moi profundas que afectaban a Renfe e ao Adif. Esperemos que Carr ratifique todo o devandito e que por fin haxa un pouco de luz, porque o que estamos a ver son unhas declaracións bastante lamentables por parte da xente do Adif e da UTE", reiterou.

Domínguez tamén recordou as "manobras" realizadas desde do Goberno e por parte da exministra de Fomento Ana Pastor para que ese informe non vise a luz. "O que si conseguiron  foi atrasar a súa publicación ata despois das eleccións, pero finalmente grazas á nosa loita e a ir a Bruxelas, ese informe publicouse".

Durante a concentración previa á celebración desta xornada do xuízo, a asociación de vítimas expresou o seu descontento e as súas críticas coa estratexia dos avogados do Estado, que representan o Adif nesta causa.

Acusanos de adestrar testemuñas, de seguir un guión, a semellanza do xuizo do Metro de Valencia,

Entre berros de "vergoña", acusáronos de ter como único obxectivo defender un dos acusados, Andrés Cortabitarte, exdirector da seguridade do Adif. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade