O home que apareceu carbonizado nun coche en Redondela tentou queimar a vivenda familiar en novembro
O home que apareceu carbonizado nun coche en Redondela tentou queimar a vivenda familiar en novembro
O home ingresara daquela na unidade de psiquiatría do Cunqueiro. Saíu do hospital o mércores, e o sábado apareceu morto nun coche que ardeu nun monte de Redondela.
Desenlace fatal para un caso do que advertían veciños de Vigo en novembro do ano pasado. O home que apareceu calcinado esta fin de semana dentro do seu coche é o mesmo que tentou prenderlle lume á vivenda en que vivían nove membros da súa familia.
O pasado 25 de novembro esta casa estivo a piques de saltar polo aire. Os veciños, todos eles membros dunha mesma familia, chamaron os bombeiros alarmados polo forte olor a gasolina.
Cando chegaron os servizos de emerxencias, atoparon unha polvoreira a piques de estoupar. A medición de gases inflamables era altísima, o lixo amoreábase, e o propietario vertera sobre o seu piso gasolina e deixou outros trinta litros dentro.
A familia amosaba entón a Televisión de Galicia a súa preocupación. "Baldearon, non sei que lle botaron porque estaba todo cheo de gasolina. E diante da policía foi cando dixo que ía acender un cigarro, e foi cando o levaron... Con gasolina e todo íao acender...", comentaba o pasado 25 de novembro un familiar.
A policía levouno directamente ao servizo de saúde mental do CHUVI. Alí recoñeceu aos axentes a súa intención de queimar a vivenda con toda a familia dentro. O home estivo ingresado na área de psiquiatría ata o luns pasado, e o sábado apareceu carbonizado no interior dun coche que ardeu nun monte de Redondela.
Confirmáronse así os temores da familia no momento da súa detención, que temían o que pasaría cando volvese á casa.
As autoridades están agora á espera da autopsia para determinar as circunstancias do seu falecemento.