O lobo mata en Lourenzá un poldro valorado nuns 2.000 euros
Nesta nova vaga de ataques tamén resultaron feridas varias cabezas de gando vacún
Un poldro de oito meses de idade apareceu morto nas inmediacións do recinto feiral de Vilanova de Lourenzá. O animal encontrábase coa súa nai nun prado pechado cando se produciu o ataque, que atribúen ao lobo.
Luciano Braña, dono do poldro: "Está cerrado o prado e teñen auga, polo que os vimos ver de cando en vez. Pola mañá, chamáronme para dicirme que o poldro faltaba, e apareceu comido aquí. A súa mai, nerviosa e correndo de arriba para abaixo, e o poldro, aí estendido".
O animal era dunha raza de montura, coñecida como paso fino colombiano. O seu dono, que pide un maior control dos lobos, estima as perdas en varios miles de euros, ao que hai que engadir o seu valor sentimental.
Luciano Braña, dono do poldro: "Tíñao valorado en 2.000 euros, por haber poucos da súa raza. Pero é peor perder un animal que estivo once meses na barriga da súa mai, e agora ía para nove meses. A ver se fan algo cos lobos, porque os nosos animais non os comen a eles".
Este non foi o único ataque rexistrado nos últimos días nos arredores da vila. No lugar de Pousada, tamén atacaron varias cabezas de gando vacún, que resultaron feridas. E na parroquia veciña de San Tomé hai constancia doutra incursión máis por parte do lobo.
