Publicador de contidos

Publicador de contidos

O presidente da plataforma de vítimas do Alvia di que non parou de buscar explicacións

O presidente da plataforma de vítimas do Alvia di que non parou de buscar explicacións

Jesús Domínguez declarou no xuízo como testemuña e dixo que entende que o accidente era evitable

"Empezas a ver unha serie de cousas que tamén che xeran rabia, dor e angustia porque non o entendes", afirmou

G24.gal 11/04/2023 14:25

No xuízo do Alvia hoxe escoitouse o testemuño do presidente da plataforma de afectados. Viaxaba no tren canda a súa parella e dúas sobriñas. Emocionado por momentos, Jesús Domínguez explicou as secuelas dun accidente que, asegura, lle cambiou a vida persoal e profesionalmente.

Dixo que desde o primeiro momento intentou buscarlle unha explicación racional o sinistro que, entende que era evitable: "Tiña claro que había algo máis. E proba diso é que cando cheguei á miña casa o primeiro que fixen foi meterme na web do Adif para ver que sistema de seguridade había. E cando vin que estaba o ERTMS ata o quilómetro 87 e logo non é certo... E claro, empezas a ver unha serie de cousas que tamén che xeran rabia, dor e angustia porque non o entendes".

Sobre a petición de perdón do maquinista recoñeceu que "que che pidan perdón, que se recoñezan os feitos é algo que repara a calquera e na vida cotiá tamén".

A Domínguez, a quen realizaron en total 18 intervencións despois do sinistro ferroviario, o seu avogado preguntoulle se estima que o proceso lle pode reparar "ou consolar en algo", momento no que interveu a xuíza ao ver a cuestión "impertinente".

"Saberá en que consiste un xuízo, como acaba, até onde se pode reparar, que é o que reclama vostede e logo verá os termos da sentenza se satisfán ou non as súas pretensións", sinalou.  

Xusto despois foi cando pediu a palabra o letrado de Garzón, para lembrar que o condutor pediu perdón ás vítimas. "Persoalmente non falei", respondeu Domínguez. "Pero cónstame, porque publicamente pediu perdón, e evidentemente está moi ben, creo que todo o mundo o entende", destacou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade