Publicador de contidos

Publicador de contidos

O presunto agresor do partido Sanxenxo-Rasoeiro non poderá entrar en recintos deportivos

O presunto agresor do partido Sanxenxo-Rasoeiro non poderá entrar en recintos deportivos

A infracción implica unha sanción económica de 60.000 ata 650.000 euros

Terá prohibido o acceso a calquera recinto deportivo durante un período que oscila entre os dous e os cinco anos

O pavillón de Vilalonga, en Sanxenxo O pavillón de Vilalonga, en Sanxenxo
G24.gal 17/12/2024 15:29

A Comisión Galega de Control da Violencia no Deporte acordou este martes iniciar un procedemento sancionador contra o presunto agresor do avó do árbitro asistente ao partido de liga galega cadete feminina que disputaron o pasado domingo o Sanxenxo Balonmán e o Rasoeiro BM.

Ao agresor prohibíuselle preventivamente, á espera da resolución definitiva, o acceso a calquera recinto deportivo por cometer "unha infracción moi grave", tipificada na Lei do Deporte de Galicia como “a realización de calquera acto ou conduta cando lle ocasione danos ou graves riscos ás persoas ou aos bens, ou cando concorran circunstancias de especial risco, perigo ou participación en el”.

A infracción implica unha sanción económica de entre 60.000 ata 650.000 euros, así como a prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período que oscila entre os dous e os cinco anos, ademais da obriga de realizar traballos sociais no ámbito deportivo. Esta última medida atende especialmente á gravidade e repercusión social dos feitos.

Nun comunicado de prensa, a Xunta afirma que o Goberno galego xa ten constancia de que este martes presentouse no xulgado a denuncia da Garda Civil correspondente aos incidentes do pasado domingo no pavillón de Vilalonga, en Sanxenxo.

“Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte”, apuntou o secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión, José Ramón Lete Lasa. Mandou tamén unha mensaxe de ánimo e apoio tanto ao afeccionado agredido como aos seus familiares. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade