"Descansa, miña raíña", a despedida de Álex, fillo da muller asasinada en Viveiro
Este venres está previsto que pase a disposición xudicial o suposto autor do crime machista
Na praza maior de Viveiro, onde ducias de persoas se reuniron este xoves á noite para expresar a súa repulsa polo crime machista que o mércores acabou coa vida de Rejane Soares, o seu fillo Álex, de 21 anos, despediuse da súa nai nunha carta que leu a concelleira Lara Noriega.
"Mamá, ámote e non entendo nada. Non entendo como da noite á mañá puido pasar unha catástrofe como a que pasou", dicía no inicio da mensaxe.
"Fuches sempre unha muller bondadosa con todos, aínda que non te deixases pisar por ninguén", continuaba, "sóbranme palabras para dicirche mamá. Fúcheste sen unha despedida, e agora non sei que facer sen ti".
"Todo o que faga desde hoxe será por ti. Ámote mamá. Falarei todos os días de ti coa túa neta en camiño. Descansa, miña raíña, a miña mellor amiga, o meu todo", conclúe a mensaxe de Álex.
Paso a disposición xudicial
Mentres tanto, o suposto asasino Ramón C. L., ten previsto pasar este venres a disposición xudicial tras permanecer ingresado no Hospital Lucus Augusti (HULA), onde foi operado polas lesións que se autoinflixiu logo do crime, e a onde foi desde o Hospital da Mariña ata a capital da provincia para ser intervido.

A declaración finalmente semella que vai ter lugar, a pesar de que a primeira hora da mañá asegurábase que debía ser adiada polo estado do acusado, no medio da confusión sobre a súa situación, e mesmo despois de que onte se chegara a afirmar que fora dado de alta e se negara a declarar en dependencias policiais.