O temporal cubriu de branco a montaña en cotas superiores aos 800 metros
Aviso amarelo por acumulacións de máis de dez centímetros de neve
O temporal cubriu cun manto branco as serras orientais do país. Debido ás nevaradas, está decretado o aviso amarelo tanto na montaña luguesa coma na ourensá. Poden caer folerpas en cotas superiores aos 800 metros, con acumulacións de máis de dez centímetros de neve.
Á neve hai que engadir as baixas temperaturas, de ata dous graos negativos. Cómpre, polo tanto, extremar as precaucións nas estradas, tanto pola xistra como pola posible formación de placas de xeo.
Por se fose pouco, a forza do vento deixou por momentos sen servizo eléctrico algunhas zonas de montaña.
A partir da tarde deste martes agárdase que comece a remitir a que polo momento é a maior nevada no que vai de inverno.
A última hora deste luns, a cidade de Lugo viuse sorprendida por unha treboada con sarabia.