O transporte de viaxeiros por estrada mostra en Silleda o último en tecnoloxía para o sector
O sector medra empurrado polas bonificacións ao transporte público e o turismo
Convertido nunha enorme terminal de autobuses, o sector do transporte por estrada analiza no recinto de Silleda o seu futuro. Vai empurrado polas bonificacións ao transporte público e o turismo. A demanda medra nun 20 por cento este ano despois dunha actividade minguada pola Covid e a suba do prezo da enerxía.
Os retos están na falta de condutores e o custo da descarbonización. Rafael Barbadillo, presidente de CONFEBUS explica que "un vehículo eléctrico que só serve para os treitos urbanos, porque a tecnoloxía só vale neste momento para a contorna urbana, custa máis do dobre que un diésel. E tes que cambiar toda a infraestrutura da empresa. Necesitas estrutura de recarga".
Saben que o futuro está nun transporte máis ecolóxico, seguro e eficiente. É o que demandan as administracións. Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade confirma que "a idade media nos autobuses que rodan por España supera os once anos e nós estamos en cinco coma sete, case a metade. Máis do 92 por cento dos autobuses que rodan por Galicia son Euro seis ou eco".
A Feira do Transporte de Viaxeiros ExpobusIberia é un referente nacional. Acolle o último en tecnoloxía, que vai deixando atrás os espellos retrovisores. "É un sistema totalmente innovador baseado en cámaras que mellora moitísimo o campo de visión e a nitidez. Polo tanto a seguridade", explica o director de Man, Jean-Paul Ocqyuidant.
Hai prototipos de asentos que estarán nun ano no mercado. Reducen o peso do autobús e achegan eficiencia. E solucións para o transporte a demanda, outro dos retos do sector canda a dixitalización.
A feira reserva unha zona para a nostalxia, cunha exposición de autobuses clásicos.