Ordenadores xogando ao xadrez, entre as actividades da Conferencia Europea de IA en Santiago
Máis de 1.500 profesionais de todo o mundo participan na Conferencia Europea de Intelixencia Artificial, en Santiago
Celébrase o campionato mundial de xadrez por computador, ferramenta moi útil para a aprendizaxe da intelixencia artificial
Ademais de xogar ao xadrez, no congreso sobre intelixencia artificial, que se celebra en Santiago, hai debates, relatorios e talleres nos que participan máis de mil cincocentos profesionais chegados de todo o mundo.
Algunhas das imaxes que moitas veces vemos no cine como algo excepcional ou futurista, máis propio da ficción, xa o non son tanto. Da man da intelixencia artificial, cada vez resulta máis sinxelo asumir que a tecnoloxía será parte protagonista do día a día nas accións máis cotiás.
Na Conferencia Europea de Intelixencia Artificial, ademais de falar de innovación e do futuro da tecnoloxía, hai partidas de xadrez. Vemos xogadores e vemos ordenadores, pero, en realidade, a partida vai moitísimo máis aló do xogo.
Gañarlle á máquina, a algunhas máquinas, cóntannos, é imposible. Do que se trata é de usar o xadrez con máquinas para que a tecnoloxía aprenda e poida usar eses coñecementos para innovacións vencelladas, por exemplo, coa intelixencia artificial.
Máis de mil cincocentos profesionais chegados de todo o mundo participan estes días en Santiago na edición número cincuenta do Congreso Europeo de Intelixencia Artificial.