Publicador de contidos

Publicador de contidos

A CEMMA alerta do aumento de tartarugas varadas nas rías galegas

A CEMMA alerta do aumento de tartarugas varadas nas rías galegas

Desde xaneiro de 2024 ata hoxe foron rescatadas no litoral trinta exemplares

G24.gal 28/12/2024 20:43 Última actualización 28/12/2024 21:10

Os biólogos da CEMMA, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, alertan do aumento das varadas de tartarugas comúns nas rías galegas.

Nos últimos vinte anos os rexistros reflectían menos de tres destes réptiles varados ao ano. Desde xaneiro de 2024 ata hoxe foron rescatadas no litoral atlántico galego trinta tartarugas.  

Xabier Pin, o veterinario e presidente do CEMMA, leva coidando e recuperando desde fins de agosto dúas tartarugas comúns. Portela, que apareceu en Burela cunha pneumonía severa e Amaro, que estaba varada na praia coruñesa de Santo Amaro completamente desnutrida.

No centro de recuperación do CEMMA en Nigrán levan trinta anos rexistrando varadas das tartarugas. Pasamos dunha media de tres ao ano a quince en 2023 e trinta neste 2024. 

"Pero tamén hai razóns climáticas sen dúbida no canto de que a temperatura da auga está aumentando e iso ten un efecto porque son réptiles que dependen da temperatura da auga, o cambio en correntes e o cambio en zonas de alimentación. Haberá que ir vendo ao  longo dos anos se isto é un feito puntual ou se é unha tendencia á que nos imos ter que acostumar a partir de agora", relata Xabier Pin, veterinario e presidente do CEMMA.

Case todos os exemplares que recolle o CEMMA teñen plásticos no seu organismo  

"O 99 % das tartarugas que vemos aquí, tanto as mortas como as vivas, teñen plástico no seu aparato dixestivo. Estamos falando de animais moi novos. Comen todo o que hai flotando pola auga e por desgraza a cantidade de lixo que hoxe hai no mar é demasiada", remarca Xabier Pin, veterinario e presidente do CEMMA.

Portela e Amaro serven de exemplo case universal. Nacen en augas quentes do Caribe e fan a súa primeira viaxe transatlántica aproveitando as correntes do Océano que se están alterando.

Rematan somerxidas nos dez graos das augas galegas o que as aletarga, porque son réptiles de auga quente. Reducen o seu metabolismo, deixan de nadar e acaban varadas nas nosas rías.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade