Publicador de contidos

Publicador de contidos

2024, o ano no que Galicia rexistrou sete meses con temperaturas máis cálidas das habituais

2024, o ano no que Galicia rexistrou sete meses con temperaturas máis cálidas das habituais

Convértese así no terceiro ano máis caloroso da serie histórica, só por detrás de 2022 e 2023

Trátase dunha "tendencia ascendente" nas temperaturas nos últimos tres anos, cunhas mínimas en 2024 que superaron en 1,4 graos a media habitual, mentres que as máximas foron de 0,8 graos máis

G24.gal 16/01/2025 16:48

O ano 2024 foi extremadamente cálido e moi húmido en Galicia, cunha media de temperatura de 14,7 graos. Convértese así no terceiro ano máis caloroso da serie histórica, desde 1961, só por detrás de 2022 e 2023.

A subida media de temperatura foi de 1,1 graos, mentres as precipitacións rexistraron un incremento do 14 %, ata superar os 1.400 litros por metro cadrado, segundo os datos que explicou este mércores a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a presentación do balance climatolóxico do ano pasado.

O coordinador de MeteoGalicia, Juan Taboada, destacou que a situación climatolóxica vaise facendo cada vez "máis desordenada" polos efectos do cambio climático, co que Galicia está a afastarse "dun clima de normalidade", coas estacións alteradas e episodios extremos ao longo de todo o ano.

O mes de marzo do ano pasado marcou un "fito curioso" porque Galicia levaba 27 meses consecutivos "sen ter ningún que se puidese cualificar como frío", xa que todos os do ano 2022 e 2023 foron "pouco normais, a maior parte deles cálidos ou moi cálidos".

De feito, dixo que os meteorólogos estaban preocupados polos fenómenos meteorolóxicos extremos, como a borrasca Carlota, o 8 de febreiro do ano pasado, na que se produciu o refacho de vento máis intenso medido polas estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia. Foi no Penedo do Galo, en Viveiro, onde se rexistraron ata velocidades de máis de 200 quilómetros.

A conselleira apuntou que os datos constatan unha "tendencia ascendente" nas temperaturas nos últimos tres anos, cunhas mínimas en 2024 que superaron en 1,4 graos a media habitual, mentres que as máximas foron de 0,8 graos máis.

Así, Galicia tivo durante sete meses unha temperatura "máis cálida" do habitual. O mes de novembro foi o máis cálido da serie histórica e xaneiro o segundo máis cálido desde 1966, mentres que só o mes de xuño foi "normal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade