Os fillos do home supostamente asasinado en Monfero din que non tiña alzhéimer e que puido suicidarse
Os fillos do home supostamente asasinado en Monfero din que non tiña alzhéimer e que puido suicidarse
A psiquiatra que atendeu a investigada dixo que a muller "estaba desbordada pola situación e que pensaba que a mellor solución era acabar coa vida dos dous"
A fiscalía pensa que a acusada acabou coa vida do home de xeito unilateral, non porque se puxesen de acordo

Segunda xornada na Audiencia Provincial da Coruña do xuízo contra unha veciña de Monfero acusada de matar con medicamentos o seu home, que padecía alzhéimer.
O primeiro dos tres fillos da acusada comezou a declarar pasadas as once e media da mañá e negou que seu pai estivese diagnosticado de alzhéimer. Dixo que sufrira microinfartos, pero que isto non lle impedía levar unha vida normal, mesmo concretou que facía labores como ir á compra ou cortar o céspede.
Fillo da acusada: "Seu pai tiña alzhéimer?". "Ao principio sospeitaban disto, pero foron microinfartos". "El falaba, trabábase, pero entendía perfectamente o que se lle dicía".
Asegurou tamén que nunca vira agresivo a seu pai. Outro dos fillos manifestou que seu proxenitor lle chegou a dicir que, para estar así, era mellor non estar vivo.
Nesta sesión declarou tamén a psiquiatra que atendeu a acusada tras os feitos. Manifestou que, como coidadora, a procesada estaba moi desbordada e que non llo quería dicir á súa familia para non cargalos co problema. Contoulle que el se negaba aos coidados e, que ao final, semella que a agredía. Segundo declarou, cre que ese momento de acabar coa vida dos dous foi impulsivo, pero que non sabía se eles xa o tiñan falado previamente.
Para a fiscalía, non hai dúbidas. Di que a acusada acabou coa vida do home, de xeito unilateral, porque o considerou oportuno, non porque se puxeran de acordo.
Fiscalía. "A morte que provoca Josefa é aleivosa, porque el era unha persoa especialmente vulnerable e porque os medios que empregou tenden a asegurar ese resultado".
Acúsaa dun delito de asasinato e pide para ela 26 anos de cadea. A defensa solicita a libre absolución.
"Non estamos ante un crime de Josefa fronte ao seu marido. O que realmente aconteceu foi que Carlos e Josefa decidiron de mutuo acordo poñerlle fin ás súas vidas", explica José Manuel Campo Moscoso, avogado da defensa.
O xuízo, que se celebra con xurado popular, continúa mañá.