Os ocupas das Avesadas repártense por distintas propiedades de Ribeira e dos arredores
Fontes oficiais prevén novos movementos por liortas entre eles
Os Pericos, o grupo que controlaba o edificio ocupado, mudouse a unha casa sen herdeiros
"Coidado co can", reza o cartel, e os cans ameazan.
Dentro están os Pericos, os ocupas que tiñan o control no edificio das Avesadas.
"Esta xa é a segunda xeración de ocupas que hai aquí. Estes viñeron do outro edificio. Tiveron problemas entre eles e uns botaron aos outros e quedáronlle coa casa", conta un veciño.
Non se sabe exactamente cantos son, porque acollen a xente que está de paso. Os veciños confirman que a casa, dunha familia de Ribeira que morreu sen herdeiros, cobra vida, sobre todo á tardiña, e pola parte de atrás. Cóntano sen dar a cara, por medo.
"Xa nos comentou un policía nacional que era xente con armas, que evitásemos calquera conflito con eles, que buscan 'gresca' e que andan ao que andan, trafican con heroína", engade o mesmo home.
"Eu non vin delincuencia. Só vin drogas", aclara outra muller que vive na zona.
Non moi lonxe, no número 39 da avenida Cristobal Colón, tamén moi preto do centro, un cadeado novo na porta delata que hai novos inquilinos. Por certo, con espírito de Nadal. No salón loce a árbore de Nadal e o Papá Noel. Neste caso, si hai propietarios que xa denunciaron a ocupación.
"Hai catro ou cinco persoas. Pola mañá e pola tarde non se ve xente. Só se ve pola noite. Agora taparon a ventá. Xa veu varias veces a policía... sempre con lea", lamenta un veciño.
Hai ocupas que marcharon para Deán, para Carreira e mesmo para A Pobra, pero todo apunta a que son asentamentos provisionais. Fontes oficiais confirman que estes días hai moito movemento entre eles, por amizades, inimizades, amores e desamores..., e os que hoxe están aquí mañá teñen que buscar refuxio noutro sitio. O grupo das Avesadas nunca foi tan unido como parecía dende fóra.