Os técnicos non conseguen extraer información do teléfono de Déborah Fernández
Este modelo de teléfonos gardaba boa parte de información na tarxeta SIM, que está desaparecida

A desaparición da tarxeta SIM orixinal do teléfono da moza Déborah Fernández-Cervera converteuse nun obstáculo practicamente insalvable á hora de tentar obter información do teléfono da moza.
O móbil entregáronllo á policía en 2006 e estivo en paradoiro descoñecido durante anos, ata que en setembro de 2022 foi atopado de forma fortuíta durante a realización dunhas obras en dependencias policiais de Madrid.
Segundo explicaron peritos de Lazarus, a empresa que está a tentar buscar a fórmula para obter algunha información do terminal, as probas realizadas ata o de agora con tres réplicas do teléfono de Déborah non deron resultados.
Respecto diso, o experto Manuel Huerta sinalou que ese modelo de móbil é "limitadísimo" e que non conseguiron que "devolva datos" nas probas que están a facer.
Así mesmo, lembrou que este tipo de teléfonos gardaban a maior parte de datos, por exemplo os contactos, na tarxeta SIM que, no caso de Déborah "está desaparecida".
O obxectivo das probas de Lazarus é buscar distintas maneiras de obter información sen tarxeta SIM e sen que se perda nada, metendo datos nas réplicas do terminal e logo extraéndoos, ata atopar un método que permita facelo sen riscos.
Un dos principais problemas é que ese tipo de dispositivos perden a información almacenada cada certo tempo (uns tres meses) e os datos novos reescríbense sobre os anteriores.
A idea era obter información como chamadas entrantes e saíntes, mensaxes ou datos de xeolocalización.