Os veciños dun edificio do barrio vigues de Cabral son os reis do Samaín
Hai oito anos comezaron a decorar as casas e espazos comúns e agora o bloque é un espectáculo
Os veciños dun edificio do barrio de Cabral, en Vigo, dano todo na noite de defuntos.
Comezaron a celebralo hai oito anos e impresiona como cada recuncho está terrorificamente decorado.
A alma da Festa é Gabriel, e todos participan con ilusión dos preparativos da noite máis especial do ano.
Non deixan un detalle á improvisación, e cada ano supéranse. Maiores e pequenos gozan dunha noite inesquecible chea de sustos e risas.
Non, non é Halloween
A noite de defuntos cada vez se festexa máis en Galicia. Malia que moitos pensen que é unha moda importada dos Estados Unidos, a súa orixe é celta. No Samaín celebraban o fin do verán e da temporada das colleitas, e a chegada do inverno. Agora hai poucas vilas en que non se festexe esta noite máxica.
Mortos, monstros e vampiros ateigan barrios e urbanizacións na procura de doces ou risas. Cadaquén saca o lado máis escuro nunha xornada de portas abertas ao terror.
Algúns tremen, outros rin, pero todos desfrutan dun Samaín que hai tempo xa que aquí se impuxo ao Halloween.