Paseo con cans na Coruña para fomentar a adopción
O ano pasado as protectoras e os refuxios recolleron máis de 286.000 animais
Cada hora 33 animais son abandonados en España, unha cifra vergoñenta que desborda a capacidade dos refuxios. Para animar á adopción, o Partido Animalista PACMA organizou un paseo na Coruña no que participaron algúns dos cans que buscan familia na asociación O Legado de Max de Carballo.
Un deles é Veintidós, nome que fai referencia aos quilos que pesaba cando chegou á protectora. Agora vive nunha casa de acollida, mentres agarda por unha familia que o queira e coide del toda a súa vida.
"Levaba dous anos vagando polas aldeas da zona de Malpica. Foi rescatado e agora leva na miña casa case un ano. É un can boísimo, agarimoso e que merece ser adoptado", cóntanos Rosa Sánchez.
Tamén busca un fogar definitivo, Pecas, esta cadela sociable e agarimosa, e a pequena Ita, entregada na protectora por un cazador e que vai precisar algo máis de tempo para confiar.
"É moi medorenta, pero cando colle confianza contigo, ata o infinito e máis aló", dinos Pili Blanco, presidenta de O Legado de Max.
Son casos particulares dunha realidade preocupante que se resume nunha cifra: 286.000, a dos os animais que ingresaron en refuxios ou protectoras de España o ano pasado. O Partido Animalista PACMA organizou un paseo con cans na Coruña para animar á adopción.