Nunha aldea da Fonsagrada a maioría da veciñanza é nonaxenaria
Cren que a auga da fonte, camiñar, a horta e comer o da casa son esenciais para a súa lonxevidade
En Vilabol de Abaixo, unha aldea da Fonsagrada onde a brétema semella mar, teñen o segredo para a lonxevidade. Senón, atendan á proporción: en cinco das sete casas que hai habitadas viven persoas maiores de 90 anos.
Nada máis chegar ao lugar xa batemos con Josefa, de 95 anos, e Valentina, de 90. As dúas teñen fillos e netos.
Valentina, malia que hai auga da traída, camiña a diario á fonte común para encher a súa botella. Cre que ese é un dos segredos da lonxevidade da veciñanza.
Baldomero, con 91 anos, tamén cre nas propiedades desa auga da montaña, das que xa falaba a xente de antes.
Esther, outra veciña con 92 anos, convídanos a compartir a calor da súa cociña. Ten seis fillos, e o mesmo cas súas veciñas pasou unha vida de traballos co gando e co campo. Pero aquí naceu e aquí quere morrer.
Pasadas as once, as fillas de Ermitas sácana a que lle dea algo o sol e o aire. Para xaneiro, o mes que fai os 102 anos, nácelle o primeiro tataraneto.
Malia unha vida de traballos, nunca se enfadou. Ese, e maila auga da fonte, son os segredos da súa lonxevidade e beleza que, ao igual que todas as nonaxenarias da aldea, resalta cos pendentes da Fonsagrada.
Camiñar, a horta e comer o da casa son outros tres hábitos que comparten todos eles.