Peche doutro comercio de proximidade en Lugo, un supermercado de barrio con 43 anos de historia
Os donos xubílanse e non hai quen siga co negocio
Os veciños aseguran que o van botar en falta pola súa proximidade e polo servizo que presta sobre todo á xente maior
Esta será a súa última semana detrás do mostrador. Despois de 43 anos, Arbolita xubílase, e con ela o negocio que marcou a súa vida, este pequeno supermercado que comenzou como unha pequena tenda de alimentación e que logrou sobrevivir ao imperio das grandes áreas comerciais.
"A día de hoxe, ter un comercio destes na cidade é moi complicado porque a xente ten moitas opcións para mercar, moitas ofertas", asegura Arbolita López, unha das donas do supermercado.
O segredo para manterse a flote tantos anos non foi outro que a proximidade co cliente.
"Para calquera cousa, nós estábamos aí; que non chegamos a fin de mes, aí estamos. Iso faino só o pequeno comercio; no grande, se non tes non levas", explica Arbolita.
Un dos momentos en que houbo que arrimar máis o ombro foi na pandemia.
"Tiñamos un montón de notas pendentes de pago", di Arbolita.
Por iso non é de estrañar que non queiran que peche.
"Levo máis de 20 anos comprando aquí todos os días", conta unha clienta habitual. Outra di: "Eu traballo aquí ao lado e sempre veño por algunha cousa, dá pena que peche un comercio de toda a vida".
A maioría valora o servizo que prestan ao barrio.
"A proximidade, o servizo que fan", di unha muller. Outra engade : "Eu baixaba as escaleiras e xa estaba aquí".
Proximidade, comodidade, algúns confían en que alguén acabe facéndose cargo do establecemento. Pero esa xa será outra etapa con outra historia.