Pillan na allada unha muller nun monte de Ourense con artefactos incendiarios
No momento do arresto en Amoeiro levaba pastillas de acendido e un chisqueiro

Os traballos de extinción de incendios non cesan pero tampouco as investigacións sobre as súas causas. Nas últimas horas a Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural sorprendeu na allada unha muller nun monte de Amoeiro con pastillas de acendido e un chisqueiro supostamente coa intención de orixinar un lume.
Os axentes da Xunta xa estableceran desde hai días un operativo de vixilancia na parroquia de Trasalba tras detectarse a existencia de actividade incendiaria.
Atoparon artefactos incendiarios nos sete fogos rexistrados na zona desde o 13 de agosto. A investigación realizada en conxunto con axentes da Policía Autonómica da xefatura de Ourense permitiu arrestar a muller e poñela a disposición xudicial como investigada.
A superficie afectada polos sete lumes non chegou a unha hectárea, grazas á rápida actuación dos servizos de extinción.
Esta operación súmase ás realizadas ao longo deste verán polos axentes da UIFO, que atoparon no distrito forestal de Vigo-Baixo Miño un artefacto incendiario e unha cabicha cun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de maneira retardada. Tamén acharon papeis de xornal acumulados no punto de inicio de dous conatos de incendio rexistrados no distrito forestal Caldas-O Salnés e unha pastilla de acendido noutro foco do distrito de Santiago-Meseta Interior.
Todos estes indicios avalan a intencionalidade dos lumes ao ser acendidos de forma premeditada.