Polémica en Lugo polos horarios dos negocios das prazas de abastos
Moitos dos vendedores, en contra da obriga de abrir os postos 53,5 horas á semana
A ordenanza municipal vixente establece que os postos das prazas de abastos luguesas deben manter abertos os negocios un mínimo de 53,5 horas á semana. Tras recibiren os vendedores unha circular en que se lles recorda esta obriga, moitos cualifican os horarios de abusivos.
Dende a Asociación de empresarios Lugo Monumental anunciaron que recorrerán calquera sanción imposta aos seus asociados. Ademais, aseguran que levan anos pedindo que se abra unha mesa de diálogo entre o Concello e os vendedores.
Luis Latorre, presidente da Asociación de empresarios Lugo Monumental: "O que pedimos é unha xuntanza formal co Concello para expoñer a realidade da praza de abastos e adaptar a ordenanza á realidade, e non á inversa. Só hai que mirar as ordenanzas doutras cidades".
A proposta de Lugo Monumental consiste en abrir, como mínimo, de oito a tres e de martes a sábado. Pola súa parte, dende o Concello instan os vendedores a contratar empregados.