Polo menos quince mortos nunha avalancha en Quetame, no centro de Colombia
Entre os falecidos hai tres menores de idade. As familias afectadas iran a un albergue
Vinte vivendas desaparecidas baixo as toneladas de lama que deixou a avalancha

A cifra de vítimas por unha avalancha de barro e auga ocorrida na localidade de Quetame, no departamento colombiano de Cundinamarca, situado no centro do país, ascendeu a 15 falecidos, ademais de seis feridos e varios desaparecidos.
As autoridades declararon "a calamidade pública e a urxencia para dispoñer dos recursos de maneira inmediata para atender as vítimas, as familias e o municipio de Quetame", engadiu o gobernador da rexión Nicolás García.
"Desde a 1:30 da mañá traballamos no Posto de Mando Unificado (PMU) para atender a emerxencia no municipio de Quetame. A esta hora xa son 14 os corpos achados sen vida, seis as persoas achadas con vida e remitidas a postos de saúde e hospitais da provincia e do departamento do Meta e Villavicencio", informou García.
As fortes choivas provocaron o desbordamento de dous cavorcos na madrugada do martes que arrasaron parte do casarío de Naranjal, situado na zona rural de Quetame.
O director xeral da Unidade Nacional para a Xestión do Risco de Desastres (UNGRD), Olmedo López, detallou que entre os falecidos hai tres menores de idade e que as familias afectadas serán conducidas a un albergue temporalmente para ser asentadas posteriormente noutro lugar.
"Era unha comunidade pequena", dixo o funcionario, quen engadiu que, segundo datos da Alcaldía de Quetame,, "son 20 vivendas desaparecidas" baixo as toneladas de lama que deixou a avalancha.

Segundo as autoridades, a avalancha arrastrou ademais unha ponte, o cal ocasionou o peche da estrada que vai de Bogotá a Villavicencio, capital do departamento do Meta e unha das despensas agrícolas do país.
