Preocupación no barrio ourensán do Vinteún por unha nave insalubre ocupada por varias persoas
Os veciños lamentan os constantes altercados e piden que se precinte o lugar, propiedade de Adif
Unha nave propiedade do Adif, ocupada por varias persoas, trae de cabeza os veciños dun barrio de Ourense. Din que os altercados son continuos. Ademais preocúpalles a insalubridade, a zona está chea de lixo e ratas. Piden que se precinte o lugar.
Hai máis dun ano que esta nave abandonada no barrio do Vinteún de Ourense é acubillo de persoas sen fogar. Os veciños quéixanse que os altercados e os trapicheos son continuos e séntense inseguros.
O soar converteuse nun foco de infección, denuncian, con moreas de lixo por todos os lados. Nin abrir as ventás poden polo cheiro insoportable.
Os bombeiros e a policía son habituais por múltiples incidentes, houbo tres incendios recentemente e quedaron sen luz no barrio. Viven en condicións infrahumanas, piden que tomen medidas urxentes.
O Concello e a Subdelegación do Goberno en Ourense din que van manter conversas con responsables de Adif, propietaria do solar, na busca dunha solución.