Veciños de Rañobre, en Arteixo, protestan polo paso de tráfico pesado na súa estrada
O corte da estrada entre Suevos e Bens desvía camións de gran tonelaxe diante das súas casas
Denuncian ruídos, cheiros, danos no asfalto e problemas para circular cos seus coches
Nin o tamaño da estrada, nin o asfalto nin os veciños de Rañobre están preparados para soportar o tráfico de camións de gran tonelaxe. Pero a realidade é que pasan, de día e de noite, porque tampouco teñen outra alternativa.
"Os camións pasan e os coches da zona non podemos pasar, a vía é estreita, non damos pasado os dous".
"Pasan moitos tráilers e camións que van para unha industria de pensos de Suevos, e o certo é que teñen que facelo porque non poden ir por ningún outro sitio. Non dan rematado as obras da estrada pola que terían que ir".
"Levan dous anos de obras, non debe haber presuposto para acabalas e se coñece que esta solución é a máis barata", lamentan algúns veciños.
O corte por obras da estrada que une Suevos e Bens desvía o tráfico pesado diante das súas casas. O ruído, o cheiro dalgunhas mercadorías, a deterioración do asfalto, e as dificultades para circular cos seus coches, téñenos fartos.
"Non os contamos, pero de verdade que son moitos os camións que pasan cada día". "Se coincides con algún non dás pasado, e o ruído que fan, de día e de noite. Ademais os GPS mándanos pola outra pista de arriba, non collen e quedan atrancados". "E o estrago que fan na estrada, andan parcheando pero o peso move todo. Iso sen esquecer que o colector xeral de Arteixo ven por esta vía, co paso de camións de miles de quilos por riba, a ver como queda iso".
Piden que se axilicen as obras de Suevos ou que se faga unha vía alternativa que leve os camións directamente ao porto exterior. Queren recuperar a tranquilidade que perderon hai xa dous anos.