Queixas dos visitantes por deficiencias no Parque Natural das Fragas do Eume
As pontes colgantes están pechadas por obras, os aparcadoiros están ateigados e non hai autobuses a Caaveiro
Pouco despois das 10 da mañá xa resulta complicado atopar un sitio onde deixar o coche antes de adentrarse nas Fragas.
As 25 bicicletas eléctricas da empresa privada que as xestiona non dan para moito e só os primeiros conseguen alugar algunha delas.
As deficiencias afectan a estrada que vai ata o mosteiro e o autobús non funciona mentres as distintas administracións buscan solucións. Pero son os visitantes os que sofren as consecuencias.
As pontes colgantes sobre o río o Eume, un dos principais atractivos para moitos, xa que ademais permiten acceder a sendeiros a beira do río no concello de Cabanas, están pechadas mentres se traballa no seu mantemento.
Traballadores do Centro de Interpretación das Fragas recoñecen que as queixas aumentaron este verán. O mesmo din dende as tabernas e cafeterías de Caaveiro e Ombre, desde onde recoñecen que falta información e piden coidar máis os detalles para que os visitantes poidan gozar en plenitude deste grande espazo natural.