Remata a tempada de alto risco de incendios en Galicia, pero as queimas seguen prohibidas
Así o informa Medio Rural, tendo en conta a variabilidade das previsións meteorolóxicas para os vindeiros días

A Consellería do Medio Rural informa de que este sábado finaliza a tempada de alto risco de incendios forestais en Galicia, aínda que as queimas de restos agrícolas e forestais seguirán prohibidas na comunidade autónoma ata novo aviso, tendo en conta a variabilidade das previsións meteorolóxicas para os vindeiros días.
Medio Rural informa de que non se concederán comunicacións nin autorizacións para realizar as devanditas queimas e incide en que ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.
A decisión tomouse tendo en conta que a normativa pola que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas así o estimen.