Remata agosto, pero as festas seguen en setembro
Celebracións gastronómicas, feiras ou verbenas
Un dos pratos fortes está en Pontevedra, coa Feira Franca
Desde este venres Pontevedra sobe á maquina do tempo e viaxa ata o século XV. Artesáns, xograres, cabaleiros e damas toman as rúas da zona vella, unha das festas históricas máis importantes da nosa comunidade, con centos de actividades para todos os gustos e idades, desde o tiro con arco ata os torneos ou o mercado medieval.
Seguindo a marca da Feira Franca tamén viaxa no tempo a vila de Negreira, coa súa Feira do Románico. Haberá como en Pontevedra torneo medieval, danzas da época e postos de artesanía.
Festas gastronómicas
Metidos de cheo na gastronomía hai que destacar tres festas de exaltación de produtos. En Neda, a do pan. Protagonistas: as empanadas, con concurso incluído e o pan con obradoiros para todas as idades. A música, fundamental. Na noite de bolos actuará Tandub e Lamatumbá e o domingo pecharanse as celebracións cun concerto de De Vacas.
Na illa da Arousa temos a Festa do Polbo. Ducias de postos que ofrecerán este produto en diferentes elaboracións, ao longo do paseo marítimo do Xufre. A especialidade estrela, o polbo á ría, que consiste en combinalo con cebola e pemento picante.
E as filloas son as protagonistas da festa que se celebra en Valongo. Haberá un concurso entre os participantes e por suposto moita música.
Festiletras en Ponteceso
Cambiando de estilo de festexo, na aldea do Couso en Ponteceso, durante tres días, exaltan e reivindican a nosa cultura. Unha posta en valor da escrita coa participación de recoñecidos autores combinada cunha parte máis lúdica, con representacións teatrais, concertos de música, pasacalles e contacontos. Pecha a festa o domingo Xabier Díaz.