Rescatan en estado grave un sexaxenario illado na súa casa en Bóveda
Os bombeiros de Monforte tiveron que entrar por unha ventá da vivenda para evacualo
O home, que foi ingresado na UCI do HULA, tiña síntomas de deshidratación e hipotermia
Un home de 63 anos foi rescatado polos servizos de emerxencias na súa casa en Freituxe, no concello de Bóveda. Foron os propios veciños os que alertaron o 112, ao non saber del durante varios días.
Para extraelo da vivenda foi precisa a intervención dos bombeiros de Monforte, que tiveron que entrar no inmoble por unha ventá.
Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte: "Os veciños non souberon desta persoa durante catro días. Cunha escada, accedemos á casa por unha ventá e atopámola en moi mal estado. Xunto co persoal do 061, rescatámola e trasladámola á ambulancia".
O sexaxenario, que vivía só, encontrábase medio inconsciente no momento do rescate. Estaba deshidratado e tiña signos de hipotermia.
Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte: "El tiña síntomas de deshidratación. Estaba vivo pero en moi malas condicións".
Dada a gravidade do seu estado, unha vez evacuado nunha ambulancia ao hospital comarcal de Monforte, o home foi trasladado ao HULA, onde permanece ingresado na unidade de coidados intensivos.