Rescatan o cadáver dun home que caeu cun cuadriciclo nun regato en Carballedo
O finado tiña 51 anos e era veciño do lugar das Lamas, en Aguada
Parece que o vehículo esvarou mentres realizaba unha manobra

Os bombeiros de Chantada, axentes de Tráfico e efectivos de Protección Civil chantadina rescataron este xoves o cadáver dun home que apareceu aboiando xunto ao seu cuadriciclo nun regato no lugar da Tolda, en Aguada, parroquia do concello lucense de Carballedo.
O finado, un home de 51 anos, era veciño das Lamas, a só uns centos de metros do lugar do accidente. Traballaba nun aserradoiro do concello ourensán de Vilamarín.
O cadáver apareceu na auga xunto ao vehículo que estaba ca porta aberta e a parte dianteira semifundida polo que a Garda Civil sospeita que esvarou na lama e caeu na auga mentres manobraba de noite e que, desorientado polo golpe e a escuridade, non foi capaz de saír da poza, de pouco máis dun metro de profundidade.