Rescatan un mozo tras caer ao mar cando facía escalada na zona dos faros de Mera
A vítima estivo consciente e na superficie en todo momento ata ser recollida da auga
Malia o susto que levou, só presentaba feridas superficiais
Aconteceu pouco antes das seis da tarde no cabo de Mera. Nesa zona, o mozo accidentado practicaba escalada deportiva canda outra persoa cando se precipitou ao mar na enseada de Montemeán.
"Estaba cun compañeiro que desde arriba alertou o 112 de que o mozo caera ao mar. Desprazouse a Salvamar de Salvamento Marítimo e solicitáronnos apoio por terra por se fose preciso facer o rescate por terra, pero non foi necesario", explica Juan Suárez, o coordinador do Servizo de Emerxencias de Oleiros.
Ao lugar tamén se desprazou a patrulleira Seixo Branco, do Servizo de Gardacostas de Galicia, que recolleu a vítima da auga ata o seu traslado á Salvamar Betelgeuse, que foi quen o achegou ata o porto de Oza.
"Alí agardaba unha ambulancia do 061 e, á parte do susto, estaba san e salvo", engade Suárez.
En boa parte porque soubo como reaccionar tras o incidente. "Actuou de xeito correcto, sabía ben o que facía. En vez de intentar achegarse ás rochas, o que fixo foi saír cara a fóra para evitar a rompente e agardar a que o rescatasen", di o coordinador do Servizo de Emerxencias de Oleiros.
Tras o susto que levou, o mozo, inicialmente, só tiña feridas superficiais.