Rescatan un veciño de Poio de 76 anos que pasou tres días tirado nunha leira tras sufrir unha caída
A Policía Local informa de que estaba aparvado, deshidratado, con queimaduras e traumatismos

Tres días pasou un home de 76 anos sen poder moverse tirado nunha leira do concello de Poio. A Policía Local da vila informou este domingo do rescate realizado polos axentes e os servizos médicos do 061 o sábado ao medio día.
O accidente sucedeulle na leira da súa vivenda na zona de San Martiño. O home, de 76 anos, caeu ao chan e non foi quen de erguerse sen axuda. Reside só na casa e todo indica que permaneceu tirado no chan tres días, de xoves a sábado.
Unha ambulancia con técnicos do 061 evacuou ao septuaxenario ata o Hospital de Montecelo, en Pontevedra. Os axentes informan de que estaba aparvado, deshidratado e con queimaduras na cara e no corpo polo sol.
Presentaba tamén varios traumatismos por intentar levantarse sen logralo. Ante a situación do home, que podería supoñer un posible desamparo, a Policía Local informou outros departamentos municipais, como Servizos Sociais.
Este ano os axentes da policía local de Poio proporcionaron xa axuda a máis de 20 persoas desorientadas, extraviadas, sen fogar ou en risco de exclusión social, de avanzada idade ou con problemas de saúde.