Quedan ilesos os viaxeiros dun autobús escolar que sufriu un accidente en Amoeiro
No vehículo ían once menores xunto á acompañante e condutora do autobús
O accidente produciuse cara ás 9:00 horas desta mañá na estrada comarcal de Amoeiro, momento da entrada no centro educativo. A primeira conclusión dos investigadores sobre as causas do accidente é que o vehículo puido patinar debido a unha placa de xeo na calzada.
"Nesta curva un autobús escolar saíra da estrada por mor da xeada, e foi contra un muro, tirando un valado pequeno que hai aí na curva", explica o alcalde de Amoeiro, José Luís González.
No autobús viaxaban once escolares, ademais da condutora e unha acompañante. O accidente aconteceu a apenas dous quilómetros de Amoeiro.
"Aínda estaba recollendo os rapaces, ía cara a Fontefría, viña da zona de Amoeiro e estaba facendo o percorrido".
A pericia da condutora evitou que o sinistro tivera consecuencias máis graves. No momento do accidente a temperatura era de cinco graos e medio baixo cero e había xeo na estrada e tamén xeada. O frío chegara a conxelar a néboa no pavimento e na contorna da estrada.
"Aos nenos non lles pasou nada, absolutamente nada. Foi un susto, saíron todos ilesos e a condutora tamén. Todos se puideron baixar para o colexio, un pouco máis tarde, pero puideron baixar."
O autobús ten capacidade para 35 viaxeiros, aínda que no momento do sinistro tan só viaxaban 13 persoas. Dende o Concello apuntan que van reforzar a limpeza de estradas para evitar que accidentes coma este poidan repetirse.