Revisan as cámaras de seguridade para identificar os asasinos do empresario ourensán
Carlos Estévez Álvarez, natural de Avión, foi soterrado en Cidade de México
Faleceu polos disparos de 3 asaltantes, ás portas da súa lavandería

Carlos Estévez Álvarez, de 66 anos e natural de Casar do Nabo, no concello ourensán de Avión, onde segue vivindo a súa nai, de 86 anos, foi soterrado onte na capital mexicana, onde residía, arredor das once da mañá, hora local.
Mentres tanto, a policía continúa coas investigacións. Están revisando as gravacións das cámaras de seguridade da lavandería onde foi asasinado, un negocio familiar que tiñan para lle prestar servizo á cadea hoteleira que rexentaba este empresario ourensán. Foi asasinado a tiros. Recibiu 12 disparos por parte de 3 asaltantes, e están vendo se se poden identificar a través das gravacións. Tamén lles están tomando declaración a posibles testemuñas presenciais.
Hai que ter en conta o alto índice de violencia no país mexicano. O ano pasado houbo máis de 33.000 homicidios e o nivel de impunidade é do 89 %, é dicir, que só se resolve 1 de cada dez casos.