Requisan varias escopetas na vivenda do detido polo crime de Elisa Abruñedo
Transcorreu unha década desde un crime que conmocionou Galicia e provocou concentracións multitudinarias
Deteñen un veciño de Narón como suposto autor da morte de Elisa Abruñedo
A Garda Civil trasladaba este martes á tarde o detido como presunto autor do asasinato de Elisa Abruñedo ata o seu domicilio para proceder ao seu rexistro. A vivenda está situada na rúa Vigo, no concello de Narón. O home de 49 anos fora detido unhas horas antes en Ferrol.
Axentes da Garda Civil requisaron varias escopetas e outros aveños no domicilio do detido. No lugar dos feitos, a uns 200 metros da súa casa, recolléronse mostras de ADN do agresor. O xulgado de Ferrol que dirixe a investigación mantén o segredo de sumario, pero si que se sabe que neste caso os restos de material xenético identificados pola UCO foron determinantes para dar co perfil do presunto asasino.
O delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco salientaba: "É unha investigación que foi froito da perseveranza, a profesionalidade e, sobre todo, da colaboración cidadá, que nos levou finalmente a deter o presunto culpable deste homicidio".
Falta por aclarar a relación do detido coa vítima, aínda que no seu momento se sospeitaba que non tiña unha vinculación directa polas circunstancias do acontecido (como a proximidade á vivenda). Queda por aclarar, así mesmo, se o arrestado tiña relación con Cabanas por unha vivenda da familia.
O seu corpo aparecera a escasos metros da vivenda. Foi asasinada tras ser agredida sexualmente. Nestes dez anos a súa familia sempre confiou na resolución do caso. Para familiares e achegados tivo palabras o delegado do Goberno en Galicia a quen quixo trasladar: "O noso máis sentido pésame aos que nunca perderon a esperanza e durante dez anos agardaron este momento de poñer á disposición xudicial o presunto autor deste crime".
O detido foi trasladado á Comandancia da Coruña á espera de pasar a disposición xudicial.