Rouban en cuestión de minutos máis de 10.000 euros en tabaco nun estanco de Ordes
Os ladróns entraron tras esnafrar o coche contra a reixa e a porta de cristal
Os estragos causados andan polos 10.000 euros
A berros tratou de escorrentar os ladróns un veciño do estanco atracado de madrugada. El espertou cando os cacos esnafraron o coche contra a reixa e a porta de cristal.
Mentres a propietaria, recibía o aviso da activación da alarma, e vía no móbil o roubo en directo, como tres individuos coa cara cuberta asaltaban o seu negocio. Chegou rápido ao estanco pero xa non estaban, roubaron nun abrir e pechar de ollos.
Cartos non había, a dona detrás das cámaras evitou dar cifras concretas pero si confirmou que levaron máis de dez mil euros en tabaco e habería que sumar outros tantos en estragos. A porta de cristal quedou feita cachiños e a reixa tamén necesita reparación.
A Garda Civil ten aberta unha investigación. Está á espera de recibir as imaxes das cámaras de seguridade. Uns vídeos que poden ser determinantes para dar cos ladróns.