San Xoán de Río ofrece o albergue para acoller refuxiados ucraínos
O concello xa lle fixo de xeito oficial o ofrecemento das instalacións á embaixada de Ucraína en España
O albergue dos Biocos conta con 7 hectáreas, máis dun cento de camas, un gran comedor e mesmo unha escola
As iniciativas solidarias esténdense por toda Galicia
O albergue municipal dos Biocos de San Xoán de Río podería acoller máis dun cento de refuxiados. O Concello púxose xa en contacto coa embaixada de Ucraína en España que agradeceu o ofrecemento e está estudando a viabilidade. Segundo o alcalde Xosé Miguel Pérez:
Son sete hectáreas para que os nenos, os que máis están sufrindo na guerra, poidan seguir estudando e cos seus costumes e que o trauma sexa o mínimo.
Porque ademais dos cuartos, os baños e as cociñas, as instalacións contan cunha escola, un planetario, zonas de esparexemento e un gran comedor. Un pequeno municipio ourensán que non dubidou en facer todo o que está na súa man.
A solidariedade esténdese por todo o país, unha chea de concellos, asociacións e empresas ofrecen a súa colaboración. Unha das últimas iniciativas veu de Protección Civil de Santiago que está a recoller o que máis necesitan arestora os ucraínos, sobre todo roupa de abrigo para nenos, mantas térmicas, forniños e produtos hixiénico sanitarios.
Unha morea de axuda humanitaria de Galicia para Ucraína.