Santiago convértese na capital da xenética forense
30 edición do Congreso Mundial de Xenética Forense
Santiago acolle máis de 1.000 investigadores de 62 países
Arrincou en Santigo a trixésima edición do Congreso Mundial de Xenética Forense, o maior evento organizado nunca sobre este campo. Presentáronse máis de 500 traballos científicos de grupos de investigación dos 5 continentes.
"Imos ter todas as novidades actuais no campo con novas tecnoloxías e secuenciación masiva, todo o que é novo agora", explica María Victoria Lareu, catedrática de Medicina Legal
"É un campo aplicado á xustiza. Se medran as ciencias forenses e a xenética forense neste campo significa que a xustiza no mundo vai progresando", apunta Ángel Carracedo, profesor da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica
"O bo é que podemos resolver casos que ao mellor hai 5 anos non poderiamos", continúa María Victoria Lareu
Ata o venres 13 que remata o congreso, Galicia vai volver demostrar o seu liderado no ámbito da xenómica.
"Moitos dos avances científicos do campo fixéronse aquí. É un grupo de moita reputación científica e o número un durante moitos anos da produción científica no campo. Sempre foi un centro de excelencia onde veu formarse xente de moitísimos países do mundo", conta Carracedo
É a segunda vez que este congreso bienal se celebra en Santiago. A primeira vez foi no 1995. Só Viena lograra repetir sede. A competencia por conseguilo é enorme.
"Internacionalmente son moi querido e cando presentei eu a candidatura, retiráronse todos as demais candidaturas inmediatamente porque é un xeito tamén de referendar o traballo que dende o Instituto de Ciencias Forenses se leva aquí facendo durante tantísimos anos", conclúe o profesor Carracedo