Santiago enche de lectores a praza do Obradoiro para fomentar a lectura
A literatura convértense nun punto de encontro nun lugar ao aire libre tan emblemático como o Obradoiro
É unha quedada para ler xuntos, en silencio, cada un co seu libro e tamén se podían compartir fragmentos
É a antesala da Semana do Libro de Compostela, que se celebra do 2 ao 11 de outubro na praza da Quintana
No prefacio da Semana do Libro de Compostela, os participantes comparten un mesmo espazo e unha mesma afección.
"Estou lendo 'Punto de araña', de Nerea Pallares, que fala das familias galegas, de mulleres galegas", di unha participante.
"Estou co libro 'O ano da morte de Ricardo Reis', de José Saramago, destaca outro participante.
"Estou lendo un libro de se titula 'Cabeleira de pedra', de Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro", engade outra muller.
A literatura convértense nun punto de encontro e na ferramenta para compartir tempo e cultura lonxe das pantallas nun lugar ao aire libre tan emblemático como a praza do Obradoiro.
"A idea é ese espazo de compartir e facer unha especie de romaría no corazón de Compostela", di Lorena Conde, directora artística da SELIC, Semana do Libro de Compostela.
Esta é unha das quedadas para ler xuntos, en silencio e cada un co seu libro, que non deixa de gañar adeptos. Tamén se podía compartir algún fragmento.
"Facer este tipo de cousas nun sitio como o Obradoiro fai que todo o mundo poida ver que se pode ler e que ler é marabilloso e que ler en comunidade está fantástico", engade outra participante na iniciativa.
Os libros deixaron este domingo os estantes, as bibliotecas e a intimidade das casas para ocupar un espazo público. Cada libro unha historia, cada lector, unha mirada diferente.
"Estou lendo 'As tolas que non o eran', de Carmen Valiña, que é un ensaio que trata sobre a psiquiatriciación da disidencia feminina. Estas iniciativas son necesarias para fomentar a lectura e tamén para o espazo público é de todas", destaca Arancha Nogueira, escritora.
"Non só é a atención de tres minutos dun vídeo de TikTok, e poder ler un libro completo é moi necesario para a súa educación", di un home.
"Gústame ler porque é divertido, gústame" engade unha nena xunto a seu pai.
Levar os libros á rúa é un xesto sinxelo nunha cidade acostumada a recibir visitantes, pero que tamén busca crear espazos para quen a habita.
Aquí as historias non só se len, tamén se comparten. A iniciativa, marcada por un ambiente próximo e participativo, busca recuperar os espazos públicos da cidade fronte á masificación turística.