Sen incidencias salientables nas primeiras horas de votacións en España
95.000 persoas forman parte do operativo de seguridade
Máis de 38 millóns elixen os 61 eurodeputados que lle corresponden a España
A xornada comezou con normalidade coa constitución das 58.500 mesas electorais e a apertura, ás nove da mañá, dos 22.500 locais repartidos por todo o país.
"Ao principio tivemos algo de lea para organizar todo o papelame, pero despois ben, e non creo que sexa algo complicado". "Prefería ter o día libre, pero non pasa nada a todos nos ten que tocar algunha vez", aseguran membros dunha mesa.
Día tamén de anécdotas. A drag queen Ptitta exerce de presidenta da mesa xa preparada para actuar. "Tivemos que avisar porque teño un show ás dez da noite e cando es presidenta tes que quedar ata o final".
Como é habitual, rexistráronse incidencias leves pola falta de papeletas ou pola ausencia dos integrantes da mesa, o que obrigará a pechar as votacións uns minutos despois das oito da tarde nalgúns colexios.
Máis de 38 millóns de españois poden exercer o seu dereito a votar para elixir os 61 eurodeputados que lle corresponden a España. Algo máis de dous millóns de mozos pode votar por primeira vez.
"Son moitos os motivos que nos levan a votar nestas eleccións e eu creo que os cidadáns séntense interpelados e desexamos que sexa unha participación á altura do momento que estamos vivindo", di o secretario de Estado de Comunicación. "Despregadura de máis de 95.000 axentes para garantir que a xornada transcorre con total normalidade".
Os colexios pecharán ás oito da tarde en toda España, agás en Villarroya, na Rioxa, con sete habitantes, que en 33 segundos abriron e pecharon as votacións.
"Temos que estar aquí todos ás oito da mañá entre membros da mesa e suplentes, así que aproveitamos e votamos".
Ata as once da noite, cando pechen as urnas en todos os países europeos, non se coñecerán os primeiros resultados.