Simulacro de rescate marítimo con vítimas no porto de Mugardos
O obxectivo é mellorar a resposta e a coordinación dos equipos de salvamento
A contorna do cabo Leiras, En Mugardos, foi o escenario dun simulacro de seguridade marítima. A colisión de dúas embarcacións na ría de Ferrol desata o caos a bordo e varias persoas saltan. O Rías Altas I dá o aviso a Salvamento. A torre de control marítimo da Coruña coordina o rescate.
Vinte minutos despois do accidente marítimo, Emerxencias recibe un novo aviso. É un accidente provocado polo que se coñece como "efecto mirón". Un coche precipítase desde o paseo portuario e dúas persoas quedan atrapadas. Un equipo sanitario estabilízaos antes da excarceración.
"Estas iniciativas buscan a mellora na resposta dos medios de seguridade e emerxencias diante dunha eventualidade coma a dun accidente con vítimas, no que tantas Administracións estarían involucradas. Nestes casos, unha resposta rápida e coordinada pode salvar moitas vidas", explicou o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus.
Arredor de 30 organizacións relacionadas coa seguridade e a saúde participaron neste simulacro que busca mellorar a resposta dos medios de emerxencias nun accidente con vítimas.