Só unha de cada dez vítimas adolescentes de abuso sexual por submisión química presenta denuncia
Segundo un estudo das universidades de Vigo e Compostela, case 2.000 adolescentes recoñecen que abusaron deles estando de festa
Case o 2 % dos adolescentes recoñecen que sufriron agresións sexuais tras ofrecerlles alcol ou droga, en contextos de ocio nocturno.
Os expertos insisten na importancia que ten denunciar estes episodios.
Pero, a día de hoxe, só unha de cada dez vítimas presenta denuncia.
Moitas das agresións sexuais prodúcense no círculo próximo á vítima e o alcol adoita ser a principal substancia responsable.
Por iso nestes casos xa non se fala de submisión senón de vulnerabilidade química.
"O agresor só espera que a vítima estea nun estado semicomatoso porque normalmente ela mesma inxire a substancia e o agresor, aproveitando que a vítima está moi bebida, moitas veces incita a que siga consumindo outro tipo de substancias e entón queda nun estado de vulnerabilidade", di Manuel Isorna, experto en investigación da submisión química.
Segundo un estudo feito polas universidades de Vigo e Compostela, case dous mil adolescentes recoñecen que se aproveitaron deles en contextos de ocio nocturno.
"Son moitos casos están sucedendo en menores de 16-17 anos, pero tamén hai casos en 12-13 anos, e o máis grave é que só un de cada dez denuncia e só dous de cada dez acoden a un centro médico", asegura Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social.
Por iso os expertos insisten en que o máis importante é denunciar, para que delitos coma estes non queden impunes.