Teixeiro recupera os traballos de antes na XI edición da Feira dos Oficios de Montaña
Hai ferreiros e canteiros traballando en vivo e, na tarde deste domingo, a recreación dunha malla tradicional
Que non se perdan os oficios tradicionais como o dos ferreiros ou canteiros, nin a sabedoría popular. Ese é o principal obxectivo da feira dos oficios de montaña que se celebra este domingo en Teixeiro, Curtis.
"A xente sempre foi autosuficiente nestas zonas e todas as cousas que necesitaban as facían eles mesmos. Nós intentamos recuperar o que os veciños da zona saben facer de xeito artesanal".
Xente como Armando que fai zocos, Pepe o canteiro ou Manolo que talla madeira. Veciños xa xubilados doutros oficios que por afección agora van ao monte a coller silvas para facer cestos e cogomelos para adornar reloxos.
"O primeiro é apañar as silvas. As silvas hai que cortalas en catro cachos, quitarlles as espiñas e cunha agulla ir cosendo a palla de trigo".
Outros metéronse a carpinteiros.
"Eu non son carpinteiro, fágoo por hobbu, nada máis. Ves a peza e ilumínaseche unha bombilla, que non sae ben, rompo e tiro".
A florista ensina a tirar proveito dos verdes do monte.
"Este centro, se se pon nunha voda, a xente quedaría espantada. Os de aquí saben o que é unha hedra, coñecen as herbas silvestres e aínda non teñen ese valor. se cadra, algún día teno".
A feira ten un espazo para que os nenos tamén traballen coas mans. Pola tarde, a festa continúa coa recreación dunha malla tradicional.