Os xogos de mesa tentan gañarlle a partida ás pantallas en Santiago
O festival Dálle Xogo xunta autores, editoriais e ilustradores en Área Central
O evento, que se desenvolve durante a fin de semana, combina a parte lúdica coa educativa
Un cento de mesas ocupan os corredores de Área Central, en Santiago de Compostela, durante toda a fin de semana. Están abertas a todos os que queiran practicar ou coñecer os xogos de mesa modernos. E con voluntarios dispostos a axudar.
"O xogo antigo sería o parchís, a ouca. E o xogo de mesa moderno xorde a partir de 1998 cando se publican Dixit, Catán, Carcasone. De aí xorde unha liña nova de xogos de mesa, que son os que se chaman modernos", explica kiko Cociña, un dos organizadores do festival.
Autores e ilustradores como Jorge Tabanera están presentando os seus últimos traballos.
"Gústame facerlle homenaxes á miña familia. A miña muller é de Pontevedra e como neste xogo hai moitas cartas de casas, unha delas é un furancho".
David Ore, un enxeñeiro galego creador de xogos de mesa, explica as vantaxes que teñen na aprendizaxe.
"Os xogos de mesa teñen a parte de desconectar do estrés e relaxarse como unha parte didáctica. Vexo que os nenos que se educan utilizando os xogos de mesa desenvolven habilidades e capacidades moito máis rápido e teñen unha relación cos demais que é unha pasada".
Hai actividades dabondo para botar o día. E de balde. Baixo o lema, "menos pantallas e máis partidas", ofrece torneos e xogos adaptados para calquera idade.
"Neste mundo en que estamos tan rodeados de pantallas, ás veces fai falta parar un pouco, sentarse, mirarse, compartir tempo de calidade e volver relacionarnos entre nós", di Cristina Neira, outra das organizadoras do festival.