Trasfega nos camposantos unha semana antes da festividade de Defuntos
Moitos acoden estes días para limpar as sepulturas, escapando das aglomeracións dos días previos á festividade
Acudir ao camposanto en Defuntos é unha das tradicións máis arraigadas en Galicia
Caldeiro en man, baeta e vasoira, é a imaxe que máis se repite estes días nos camposantos galegos. Queda unha semana para a festividade de Defuntos e hai que amañar as sepulturas.
"Á parte de todo o ano é un día que che dá mágoa ver a tomba sen flores"; di un home, e unha muller engade "hai que andar e o último día dáselle un repaso".
Son os máis previsores, xa saben que "traballo feito non mete apuro", e vindo antes tamén evitan as multitudes.
"A ela gustáballe vir ese día, faciamos o percorrido, era horrible, non me gustan as multitudes", conta unha muller.
O máis habitual é que cada familia acondicione a sepultura dos seus, pero duns anos para aquí cada vez é máis frecuente ver empregados de empresas de limpeza que se encargan deste traballo. Uns deles son Jordi e Luis, que este ano na súa axenda teñen unha trintena de encargos.
"Nós sacamos as herbas e o musgo, branqueamos as lápidas brancas e retiramos as flores vellas para que cando veñan poñan as novas lles quede bonito", explica Jordi, empregado dunha empresa de limpeza.
Acudir ao camposanto por Defuntos é unha das tradicións máis arraigadas en Galicia.
"Gústame cumprir por meus pais", di un home, e outro asegura: "Prometinlles que mentres vivise viría todos os anos"
Moitos cemiterios estes días amplían os seus horarios. É o caso do de Lugo, que desde este domingo abrirá en horario continuo, de nove e media a sete da tarde.