Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trasladada á unidade de queimados do CHUAC a muller atacada polo seu fillo en Mos

Trasladada á unidade de queimados do CHUAC a muller atacada polo seu fillo en Mos

A gravidade das feridas da muller levou a tomar a decisión do seu traslado

Tamén continúa no hospital vigués a veciña de 79 anos no municipio Cerdedo-Cotobade que foi agredida polo seu fillo de 46 anos na tarde do pasado xoves

G24.gal 07/01/2025 15:41

A muller de 70 anos de idade, veciña de Mos (Pontevedra), que foi supostamente agredida polo seu fillo na noite de Reis e que foi levada ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con queimaduras e outras lesións graves, foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde ingresou na unidade de grandes queimados.

A gravidade das feridas da muller levou a tomar a decisión do seu traslado desde a UCI do hospital vigués, onde permanecía desde a noite do domingo.

Os feitos ocorreron pasadas as 22:00 horas, cando o fillo supostamente atacou á súa proxenitora causándolle queimaduras con algún tipo de líquido e lesións por cortes, no domicilio familiar da parroquia mosense de Tameiga.

O home tratou de fuxir saltando pola xanela do inmoble, pero a Garda Civil detívoo.

Debido a que padece problemas de saúde mental, trasladouse ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde permanece ingresado na unidade de psiquiatría, sen que polo momento estea prevista a súa comparecencia no xulgado do Porriño.

Tamén segue hospitalizada a veciña de Santamaría de Sacos

Tamén continúa no hospital vigués a veciña de 79 anos, da parroquia de Santa María de Sacos, no municipio Cerdedo-Cotobade, que foi agredida polo seu fillo de 46 anos na tarde do pasado xoves.

Nese caso, foron os veciños quen avisou a Emerxencias tras atopar á muller gravemente ferida, tras recibir supostamente unha malleira a mans do seu fillo, veciño de Barro.

O home foi detido nas inmediacións da vivenda e trasladado ao Hospital Provincial de Pontevedra, onde permanece ingresado na unidade de psiquiatría.

Neste caso, tampouco hai data prevista para a súa comparecencia ante a autoridade xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade