Trinta mil peregrinos na romaría da Virxe da Franqueira, das máis antigas de Galicia
Acoden de toda Galicia e do norte de Portugal
A peregrinación data do século VII
A estas horas, a maioría dos máis de trinta mil asistentes á romaría da Franqueira van volvendo ás súas casas en 60 parroquias do concello da Cañiza e de toda Paradanta. Esta Virxe de granito, unha das máis antigas de Galicia, con culto desde o século sete, recibiu as honras de todos nunha antiga cerimonia de cruzamento de imaxes e pendóns.
Para a maioría o momento máis emocionante é a chegada ao santuario coa imaxe de cada parroquia.
Volven máis ou menos cansos, dependendo de se foron en coche, en autobús ou a pé, a peregrinación máis tradicional, de madrugada, con carros adobiados de flores e froitos de primavera.
A Virxe da Franqueira, din, é avogosa para todo, para casar, para ter unha boa morte. Como se ve o mar desde o santuario, tamén hai mariñeiros que chegan con peticións.
Unha tradición peregrina que pasa de xeración en xeración en toda a contorna.
Os que deron chegado, asistiron ás misas. E tras a devoción, a festa con xantar en familia ou coas amizades, sen que falten o polbo e a música tradicional.
Das tres romarías que aínda sobreviven na Franqueira, esta é a máis importante, da que falaron escritores e poetas como Risco, Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cabanillas e á que peregrinou a propia raíña Isabel de Portugal.
A vindeira, a do nacemento de María, será o 8 de setembro.