Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un autobús urbano esnáfrase contra o baixo dun edificio en Arteixo

Un autobús urbano esnáfrase contra o baixo dun edificio en Arteixo

O condutor perdeu o control do vehículo tras sufrir unha indisposición

G24.gal 28/12/2024 17:30 Última actualización 28/12/2024 17:52

Os veciños do edificio de Arteixo contra o que impactou un autobús urbano este venres teñen por diante varios días de traballo para devolver o portal e o baixo da casa ao seu estado orixinal.

Aínda que os danos materiais son cuantiosos, son conscientes de que o sinistro puido ter consecuencias peores.

Vinte e catro horas despois, o servizo da liña seis funciona con normalidade, a mesma que tratan de recuperar as persoas residentes no inmoble. 

Do accidente quedan unha morea de cascallos nun terreo lindeiro e unha prancha metálica provisional que nos próximos días substituirase por un portón novo para o garaxe e por un novo acceso ao portal.

Tras o metal transitorio, aínda son visibles as consecuencias da colisión. O día despois é día de limpeza e de conversas telefónicas coa compañía de seguros.

Os afectados seguen nerviosos porque o que quedou nun susto con danos materiais cuantiosos puido ter un final peor. Ninguén pasaba no momento en que o autobús invadiu a beirarrúa e as persoas que estaban no edificio quedaron ilesas.

Unha indisposición

A Compañía de Tranvías explicou que o condutor perdeu o control do coche de liña tras sufrir unha indisposición. Malia o aparatoso do sinistro, o home, único ocupante do vehículo, non sufriu feridas importantes.

Os servizos sanitarios do 061 atendérono in situ e posteriormente trasladárono ao Complexo Hospitalario da Coruña para mantelo en observación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade