Un ciberataque inutiliza a xestión tributaria e de nóminas do Concello de Cangas
Os ciberdelincuentes esixen un rescate en bitcoins a cambio das claves e dos datos que roubaron e encriptaron

O ataque informático afecta, dende o venres, a toda a xestión tributaria municipal, e tamén ás nóminas dos empregados do Concello de Cangas. Case todos os programas externos están fóra de funcionamento.
Os ciberdelincuentes esixen un rescate en bitcoins a cambio das claves e dos datos que roubaron e encriptaron. Ameazan con vender esa información para que poida ser empregada nunha web escura.
Segundo as primeiras investigacións, o ciberataque puido levarse a cabo a través dun sistema de teletraballo. O Centro Nacional de Intelixencia está xa a traballar co Concello para tratar de solucionar o problema canto antes, aínda que a recuperación da normalidade podería demorarse semanas e incluso meses.