Un empresario de Santa Comba paga 26.500 euros por un camión que non existía
Os estafadores clonaron unha coñecida páxina web para enganalo
A Garda Civil investiga unha muller de Málaga como presunta autora do calote
A Garda Civil investiga unha veciña da localidade malagueña de Conil acusada dun presunto delito de estafa. A vítima, un empresario de Santa Comba, comprou a cabeza tractora dun camión, semellante a este, a través dunha coñecida páxina web. O que non sabía é que a páxina web estaba clonada e o camión non existía.
Óscar Ourille, Garda Civil do Equipo de asesoramento, prevención e resposta contra a ciberdelincuencia @Milladoiro, di que o empresario fixo unha transferencia de 26.500 euros por un camión que nunca chegou. Asegura que unha vez interposta a denuncia os axentes do equipo comezaron a investigar as contas bancarias e os desvíos de diñeiro que se produciron.
A investigación levada a cabo polo equipo @Milladoiro da Garda Civil permitiu seguir o diñeiro ata unha conta nun país europeo; dende aí foi transferido a outra conta en Conil, Málaga.
Óscar Ourille, Garda Civil do Equipo de asesoramento, prevención e resposta contra a ciberdelincuencia @Milladoiro , apunta que grazas á activación dos mecanismos sociais puideron recuperar parte do diñeiro estafado, uns 16.000 euros.
Unha vez identificada a presunta estafadora, os axentes abriron dilixencias contra ela por un presunto delito de estafa. A muller está á espera de pasar a disposición xudicial.